O NOSO ESCRITOR
D. Ramón de Valenzuela Otero naceu na Casa da Viña parroquia de
Abades o 3 de outubro de 1914; lugar onde empezou a aprender as primeiras letras
para mais tarde converterse nun dos poucos narradores galegos que intentaron
unha crónica persoal das experiencias da guerra civil.

Escritor, en Compostela estudia o bacharelato e inicia a súa
etapa universitaria na facultade de Dereito (1931-1932) pasando ano seguinte a
facultade de Filosofía e Letras na universidade de Santiago de Compostela. En
1933 , na segunda convocatoria do Plan profesional de Maxisterio, ingresa por
oposición na escola normal de Pontevedra onde segue os tres cursos perceptivos
da carreira.Rematados os estudios de maxisterio foi nomeado mestre en Vigo,
cargo que non chegou a exercer por mor do comezo da guerra. Sería en 1945 cando
reanuda os estudios universitarios para licenciarse en Filosofía e Letras,
sección de Historia en xuño de 1947.
Durante algún tempo, alá polos anos 1934 e 1935, dedicouse a
narrar, co seudónimo de Pepe dos Cestos, contos populares, en Radio Pontevedra,
teatros, e incluso nalgunha feira da Bandeira; actividade que abandonaría por
considerar que, en vez de contribuír a forxar unha conciencia galega, podía dar
unha visión ridícula do labrego galego, dende a perspectiva lingüística coma
dende o punto de vista da política galeguista en xeral.
De vello lle viña a Ramón Valenzuela a vocación pedagóxica e
súa inclinación galeguista. Cando so contaba dezaseis anos, nunha pequena casopa
do seu pai D. Pepe da Viña, xa organizaba unha escola para adultos na que as
clases se impartían en galego. Aquí chegou a formar o grupo Ultrella
-organización galeguista- da que aínda hoxe algúns o recordan con gran
entusiasmo.
En 1936 era militante do partido galeguista e colaborador do
Seminario de Estudos Galegos; detido na Bandeira xunto co seu primo
Carnero e conducido, encarcerado nos baixos do que e hoxe e a casa do concello
de Silleda. O día seguinte, é transportado por un pelotón a Santiago de
Compostela onde os bos oficios dun familiar non tardan en consegui-la saída do
cárcere pero, ante a inseguridade de andar fuxido decide militarizarse como
voluntario no bando franquista. Destinado en Cáceres o 8 de decembro de 1937
Ramón de Valenzuela pasou ó bando republicano.
No desastre de 1939, fuxiu a Francia onde é internado no campo
de concentración de Argelés en Saint Ciprien sur Mer, onde escribe a Sociedad
Pro-Escuelas de Bandeira en Bos Aires, solicitando axuda, respondendo a
compracente sociedade co envío de 1200 francos. Axiña recupera a liberdade.
Colabora co exercito francés, como oficial do exercito republicano español.
Nesta etapa de Francia é onde coñece a que había se-la súa
muller, María Victoria Villaverde, filla do seu correlixionario Elpidio
Villaverde, que co estalido da Segunda Guerra Mundial, levou á familia
Villaverde a trasladarse á Arxentina pero, Ramón considerou que debía permanecer
en Francia para participar na defensa das liberdades e da propia República
Española.
Cando Francia é ocupada po-los alemáns, a policía política
española en colaboración cos colegas xermanos prenden a Valenzuela. Internado e
xulgado en Ávila onde lle impuxeron a condena de vinte anos e un día de prisión.
É en 1949, despois de consegui-lo indulto que liberaba a Ramón
do réxime de prisión atenuada, cando chega a Bos Aires e a Sociedade
Pro-Escuelas en Bandeira avala a súa entrada no pais. Durante moitos anos
exerceu a crítica literaria en La Gaceta de Tucumán e Galicia Emigrante,
prestixiosas revistas da capital Arxentina. A o mesmo tempo, chegou a publicar
narracións curtas das que escolmou para escribir o libro de relatos O Naranxo
(1974). Neste libro, Valenzuela xoga coas perspectivas do cordo e do tolo,
contrapoñéndoas, na procura dunha reflexión filosófica, tinguida de afecto e
humanidade. Na Asociación Gallega de Universitarios y Artistas, colectivo do que
formou parte, impartiu clases de Xeografía Galega durante tres cursos e nesta
etapa hai unha anécdota deste entusiasmo que se vivía e mesmo chegaba a rúa,
tratase de que Ramón de Valenzuela transportaba nun taxi o mapa de Galicia de
Fontán, para a súas clases de xeografía, na compañía do enxeñeiro arxentino
Diego Diaz, era tanto o entusiasmo que puxera no eloxio do autor do mapa que o
taxista, cando se dispuñan a pagarlle o servicio, díxolles: Perdoen. No auto que
eu conduzo non paga o mapa da miña Terra, nin os que tratan con tanto amor.
Ramón de Valenzuela desenvolve unha actividade cultural
destacable no Ateneo de Curros Enríquez, da Federación de Sociedades Galegas de
Buenos Aires. Pronuncia múltiples conferencias nas máis diversas Institucións
Galegas da Arxentina e Uruguai.
No ano 1957, na Editorial Citania de Buenos Aires, pertencente
a Luis Seoane, sae a primeira novela de Ramón Valenzuela. Non agardei por
ninguén. Escrita, dende unha perspectiva republicana en Galicia, na que se
pode observar a reseña autobiográfica do autor, aparecendo na novela co
seudónimo de D. Gonzalo Ozores de Ulloa. Nesta novela, Ramón recréase na Galicia
do levantamento militar de 1936, onde o protagonista foxe da represión con
compañeiros de ideal pasándose a o bando republicano. Dende o punto de vista da
editorial, esta novela, xurde coa intención de unir o traballo intelectual e
artístico dos galegos en Bos Aires, co propósito de universalizar a nosa
cultura. Esta obra sería reeditada por Akal de Madrid en 1976.
Nesta mesma editorial no ano 1980, publícase Era tempo de
apandar, segunda e última novela do noso autor coa que completa os aspectos
máis novelescos da súa axeitada biografía. Ámbalas dúas novelas, son narradas
nun escenario fundamentalmente Trasdezao, así coma, case todíño-los
protagonistas son do entorno da Bandeira, merecedores de estudio.
Xa no 1976, é cando Ramón de Valenzuela pronuncia unha polémica
conferencia na facultade de Económicas de Santiago de Compostela co título de
" Historia do galeguismo político", onde desatou unha forte polémica
tanto no propio acto como posteriormente na prensa. Foi a consideración
histórica, de que foron galegos e non estranxeiros quen liquidaron a cultura e a
personalidade galega ( Eu nego que esa Galicia desangrada na heroica revolución
social do S. XV fose asoballada por Castela... Galicia foi asoballada, económica
e culturalmente, polos propios galegos chamados nobles...), o que motivou a
contestación dun amplo sector do público que mais tarde prolongaríase na prensa
diaria.
Ramón Valenzuela configura a súa ideoloxía dende
dúas coordenadas fundamentais: o irrenunciable compromiso galeguista e a nidia
conciencia de clase que o encirraba cara ó marxismo comunista, dous principios
que non teñen sido moi doados de harmonizar e que a Valenzuela lle provocaron
desasosegos e íntimas dificultades. Compre sinalar que na súa actividade
política foi tamén secretario de Castelao no exilio, co que sentiu o latexo
federalista, ese fondo sentimento da Terra e a seria solidariedade cos
desfavorecidos da historia.
O teatro de Ramón de Valenzuela Otero está vencellado a labor
meritoria á fronte do Ateneo Curros Enriquez, da Federación de Sociedades
Galegas de Bos Aires, onde cecais sexa o derradeiro esforzo por conquerir unha
escola de teatro estable. A súa única peza teatral As Bágoas do Demo estrearíase
en 1964, dirixida por Blanco Amor, no Teatro Castelao do Centro Galego de Bos
Aires. Esta obra mostra ó espectador emigrante galego unha Galicia tanxible e
recoñecible, visualizada nas Terras de Trasdeza. O mundo rural, coa súa propia
dinámica, pouco esperanzadora para cambios sociais, impón a súa propia lei. Os
persoaxes están sacados tamén desa realidade. O Tolo, o Cacique, o Demo, a Meiga
e o pobo, que é testemuña pasiva no decorrer dos acontecementos. As Bágoas do
Demo queda coma unha peza significativa do teatro da emigración. Aporta unha
visión do mundo rural, coas súas contradicións en confrontación coas aspiracións
do propio autor, cun punto de vista existencial e cultural, construido desde a
loita e maila emigración.
É en 1980 o ano derradeiro deste loitador sen descanso,
descóbreselle o cancro de pulmón que lle había sega-los azos para sempre.
|