Adrián Troitiño

 Adrián Troitiño naceu en Moalde (Silleda) o 3 de xaneiro de 1869. Foron os seus pais Ignacio Troitiño e Manuela Alcobre.

A falta de futuro da Galiza de finais de século levará a Troitiño polos camiños da emigración. Tendo tan só 11 anos Adrián embarca de polisón rumbo a Bos Aires, chegando a ese porto en 1880. Os primeiros anos serán moi duros para este adolescente que terá que gañar o sustento desde moi novo. Bos Aires daquela era un fervedoiro político, as ideas anarquistas e socialistas apoderábanse da nova clase obreira arxentina que estaba composta por continxentes estranxeiros. Galegos e italianos na súa grande maioría serían os protagonistas das primeiras folgas e manifestacións obreiras. Como tamén serán os fundadores dos primeiros
sindicatos e partidos obreiros.

Adrián Troitiño comeza a traballar como panadeiro, gremio este que desde o seu inicio estaba maioritariamente composto por galegos de orientación anarquista. Foron aqueles anos tan politizados que os nosos paisanos panadeiros bautizaban con moita ironía os productos de bolería. (Nomes autenticamente escandalosos para aqueles anos) . Así nacen " As bolas de frade" ou "Os suspiros de monxas", os "Vixilantes" e unha chea de nomes que ridiculizaban o sistema social imperante.

Adrián Troitiño rapidamente se incorpora ao ideal libertario, destacando na dirección do seu gremio. En 1901 participa como representante dos obreiros bonaerenses da fundación da "Sociedad de Resistencia y Colocación de Obreros Panaderos" que se realiza en Montevideo. Este vínculo co sindicalismo uruguaio realizarase periodicamente ata que en 1903 o goberno arxentino aplicoulle a "Lei de Residencia", dispoñendo a súa expulsión da República Arxentina. A lei foi creada co fin de reprimir as ideas anarquistas e socialistas que traían os traballadores estranxeiros, recaendo a primeira aplicación desta lei no anarquista galego Julio Camba, que anos despois destacaría como un dos escritores máis coñecidos da súa época.

O xornal "Tribuna Libertaria" de Montevideo solidarízase con Troitiño sinalando o seguinte: "Este infatigable loitador pola causa obreira foi embarcado á forza coa súa esposa e cinco rapazolos para ser conducidos a Cádiz onde o esperaban sen lugar a dúbidas a inseparable compañeira de todo traballador: a miseria. Varios compañeiros, tendo en conta por unha parte isto e pola outra os vínculos que a el nos unen os panadeiros de Montevideo, propóñense procurar o seu enderezo para lle enviar o producto dunha subscrición voluntaria que se iniciará entre os compañeiros que simpaticen coa súa causa obreira e en consecuencia co seus máis ardentes defensores que sacrifican a súa liberdade polo ben de todos nós".

Ao chegar a territorio español Troitiño foi obrigado a realizar durante algúns meses o servicio militar, contraendo durante o mesmo unha enfermidade que o tivo internado varios meses no hospital da Coruña.

Ao recuperarse da doenza toma a desición de retornar á Río da Plata establecéndose definitivamente en Montevideo en 1904.

Na capital uruguaia reinicia o seu labor de obreiro panadeiro e incorpórase á militancia gremial no "Sindicato de Oficios Varios da Vila do Cerro". En 1905 participa activamente da folga dos carpinteiros e do grande mitin organizado polo Centro Internacional en protesta pola masacre de obreiros de Rusia. Durante este acto que congregou a máis de 5.000 persoas comparte a tribuna co fundador do Partido Socialista Uruguaio, Emilio Frugoni, os anarquistas Grijalbo e Balmelli e o dirixente liberal Leoncio Lasso de la Vega. Durante o mes de maio de 1905 lidera a folga dos traballadores portuarios, que na súa maioría eran galegos. Como eran desta nacionalidade tamén os dirixentes sindicais de mariñeiros e foguistas Hucha e Rosales. Este último foi secretario da "Federación Marítima del Uruguay".

Durante estos anos de intensa actividade política e sindical Troitiño dirixiu durante un tempo a redacción do xornal quincenal anarquista " El Obrero".

A súa activa militancia sindical e política tráelle como cosecuencia a persecución por parte dos distintos gobernos e un odio moi marcado pola clase patronal uruguaia. Troitiño era daquela unha palabra perigosa para os empresarios. O seu nome formaba parte dunha lista negra onde se castigaba aos traballadores máis loitadores. A súa imposibilidade por conseguir traballo levouno a vender xornais na vía pública. O xornal do Sindicato de Vendedores de Diarios e Revistas lembrará nun artigo o seu comezo nesta profesión:

"Toda expresión de loita ten en Troitiño un primeirísimo propulsor. A súa persoa é temida pola burguesía. E as listas negras patronais engalánanse co seu nome. As fábricas, os talleres péchanlle as súas portas. Quéreselle vencer, dobregalo pola fame. Mais Troitiño non cede. Insiste. É precisamente cando o noso gremio o gaña para si. Troitiño comeza a gañar o seu pan e o dos seus vendendo diarios. Son diarios ideolóxicos, que vende envolto moitas veces nunha bufanda vermella e negra polas cantinas do vello Montevideo.

As condicións do vendedor de diarios daquela eran miserables e Troitiño xunto a outros compañeiros, moitos deles aínda nas nosas filas, loita e organiza aos "canillitas" no que logo sería o Sindicato de Vendedores de Diarios e Revistas. E así orientado por este home extraordinario, o vendedor de diarios comezou unha marcha lenta pero ascendente cara a planos da dignidade social."

En 1934 a dictadura terrista encarcérao coa idea de desterralo. Xunto a Troitiño foron detidos outros dirixentes sindicais. A mobilización popular logra poñer en liberdade a Troitiño e os seus compañeiros de loita.

Do 5 ao 8 de setembro de 1938 viaxa a México na representación dos traballadores uruguaios para participar da "Conferencia Latino Americana del Trabajo".

Estivo ao fronte do Sindicato de Vendedores de Diarios, foi o xestor da "Casa del Canillita", termo este que se emprega no Uruguai e na Arxentina para denominar aos vendedores de xornais na rúa. Durante o seu mandato ao fronte do sindicato logra agrupar a máis de 3.000 afiliados.

En 1940 enferma e o 26 de maio de 1941 nunha fría mañá de Montevideo faleceu "O avó", como cariñosamente lle chamaban os seus compañeiros do sindicato. Con Adrián Troitiño íase un dos máis destacados loitadores sindicais de América Latina. Ata as súas últimas horas foi unha vida exemplar. O seu ideal humanístico e libertario foron unha guía para as futuras xeracións do movemento sindical uruguaio. Tras a súa morte distintas voces do Río da Plata honraron a súa memoria.

O Sindicato de Vendedores de Diarios sinalou: "Para nós a lembranza e a homenaxe á memoria de Adrián Troitiño será eterna. Homenaxe e lembranza que comprometen a proseguir a loita para facer cada vez máis grande este sindicato que el nos soubo dar".

A prensa de ambos os países recolleu a nova sinalando a proxección histórica deste destacado loitador galego:

Diario "MONTEVIDEO" ( 26 de maio de 1941):

Morreu Adrián Troitiño. Calarán hoxe os pregoeiros da cidade e en cada esquina haberá un rapaz co pensamento concentrado na triste realidade: foise " O `avó´...".

"...A súa derradeira voluntade foi que o seu funeral fose igual ao de todos aqueles compañeiros que só contan coa sinxela carroza que dispón a Caixa de Auxilios. `Quero que me leven igual que aos compañeiros´, dixo, `e que a bandeira do sindicato cubra o meu caixón´....".

"EL PLATA" ( 26 de maio de 1941):

"Nova de triste repercusión no ambiente xormalístico local é esta morte do coñecido e estimado director do gremio de "canillitas", don Adrián Troitiño...".

Revista "MARCHA" (26 de maio de 1941):

"A historia do incipiente movemento obreiro nacional, a organización dos canillitas, terá sempre un posto de preferencia. É tal vez única no mundo. É cando menos única no país. E vinculada a ela queda de xeito indestructible o nome de Adrián Troitiño.

Saudamos con emoción ao vello loitador que se vai e que non abandonou nunca o posto de combate onde a vida o colocara...".

"EL DEBATE" ( 28 de maio de 1941):

"Enorme e silencioso cortexo acompañou os restos do vello loitador ata
a última morada. Quen tanto fixo polo engrandecemento do gremio e como
consecuencia polo adianto do xornalismo uruguaio ha de render o seu
máximo tributo, recibiu a homenaxe fervorosa e emotiva dun sector
importantísimo do pobo, precisamente do máis vinculado ás múltiples
manifestacións da colectividade que ten na prensa o seu mentor
eficiente e decidido...".

"EL DIARIO" ( 27 de maio 1941):

"...Eles mesmos, os "canillitas", tiveron que facer correr a nova na
cidade.

Eles mesmos, os "canillitas", os seus amigos polos que el deu todo
tiveron que anunciar a súa morte onte ao vocear o xornal na rúa...".

" LA TRIBUNA POPULAR" ( 27 de maio):

"...Unha multitude enorme que acadou unhas tres mil persoas
exteriorizou o sentimento producido pola desaparición do vello loitador
que tivo a súa vida consagrada ao ben dos seus compañeiros proletarios
sendo para estes guía paternal e un amigo de todos os momentos...".

"EL DÍA " ( 28 de maio ):

"...Unha grande e significativa demostración de pesar constituíu o
sepelio dos restos de don Adrián Troitiño efectuado onte no Cemiterio
do Buceo. Unha multitude heteroxénea con todos os componentes
identificándose no mesmo sentimento de pesar que irmanaba a mozos e
anciáns venerables, a obreiros, intelectuais e industriais acompañaron
o féretro desde a rúa Rivera ata o corpo novo do Cemiterio levando a
pulso ata a última morada os despoxos mortais dun home modesto mais
altivo e digno que a base de esforzos e de loitas polo benestar social
conquistou a estimación e o respecto do seus semellantes...".

 

"EL PAÍS " ( 27 de maio ):

"...A Troitiño combatérono pola súas ideas e os seus soños. Mais non se
lle podía descoñecer nin aínda polos tiranos que o condenaban, a súa
afouteza e a súa bondade. Principalmente a súa lealdade para cos
principios esenciais da dignidade humana...".

" CRÍTICA" de Bos Aires:

"...A guerra civil española puxo en tensión as enerxías de Troitiño.
Destacouse na axuda aos leais lamentando que a idade non lle permitira
tomar un fusil para ir loitar contra o franquismo e a invasión fascista.

Coa morte de Adrián Troitiño desaparece unha das figuras máis populares
do gremialismo obreiro do Uruguai...".